Preguntas frecuentes
O que adoitan preguntarme antes de encargar unha peritaxe informática
Que é un informe pericial informático e cando o necesito?
É un documento técnico que analiza evidencia dixital e expón as conclusións de forma que poidan valorarse dentro dun procedemento xudicial. Adoita facer falta cando unha das partes achega probas dixitais —correos, mensaxes, rexistros de acceso, arquivos, metadatos— e cómpre acreditar a súa autenticidade, a súa integridade ou que demostran realmente.
Serve unha captura de pantalla de WhatsApp como proba?
Por si soa é unha proba feble: unha captura manipúlase sen dificultade e non acredita nin a orixe da mensaxe nin que non fose alterada. O que achega valor probatorio é a análise do dispositivo do que procede a conversa, que permite verificar o contido na propia base de datos da aplicación e documentar como se obtivo. Se só dispós de capturas, coméntamo igualmente: nalgúns casos aínda é posible chegar á orixe.
Que necesito achegar para empezar?
Para a valoración inicial abonda cunha descrición xeral do caso: que ocorreu, que se quere demostrar, que material existe e en que prazos se move o procedemento. Non fai falta enviar nada máis nese primeiro momento, e é preferible non facelo.
Debo revisar ou manipular o equipo antes de que o analices?
Mellor non. Seguir usando o dispositivo, reinicialo, instalar programas de recuperación ou intentar restaurar arquivos borrados pode sobrescribir xustamente a evidencia que interesa, e ademais deixa rastros que a parte contraria pode usar para discutir a validez da proba. O máis útil é deixalo como está e consultalo antes de tocar nada.
Como se entrega un dispositivo sen romper a cadea de custodia?
Nunca a través do formulario desta web. Unha vez hai un primeiro contacto, acordamos a forma de entrega e documéntase mediante unha acta que recolle que se entrega, en que estado e en que momento. A partir de aí a análise realízase sempre sobre unha copia forense verificada con hash criptográfico, nunca sobre o soporte orixinal.
Canto custa un informe pericial?
Depende do alcance: non é o mesmo verificar a autenticidade dunha conversa que analizar un servidor comprometido. Ao poñerte en contacto envíoche as miñas tarifas e, coa descrición do caso, un orzamento pechado antes de empezar a traballar.
Canto se tarda en ter o informe?
Depende do volume de material e do tipo de análise. O prazo acórdase ao aceptar o encargo. Se o procedemento ten unha data límite, indícamo na primeira mensaxe: condiciona directamente o alcance do que é posible facer.
Que ocorre se as conclusións non favorecen a miña parte?
Entréganse igualmente. Un informe pericial só ten valor se é independente e se a parte contraria pode reproducir e verificar o método empregado; axustar as conclusións a quen encarga o traballo invalídao e, ademais, detéctase. Se durante a análise aparece algo que prexudica a túa posición, comunícocho antes de redactar o informe para que poidas decidir como continuar.
Que é a ratificación e fai falta contar con ela?
É a comparecencia en sede xudicial para explicar e sosteren o informe ante o xuíz e as partes. Non sempre se solicita, pero convén contar con ela desde o principio: un informe cuxo autor non pode ratificalo perde forza. Orzaméntase de forma independente ao informe.
Trabállase con particulares ou só con despachos de avogados?
Con ambos, e tamén con empresas no caso da resposta a incidentes. Cada caso trátase baixo acordo de confidencialidade, con independencia de quen realice o encargo.
A túa dúbida non está aquí?
Solicitar consulta